Sunday 19 de May de 2024

A Compañía de danza Elahood estrea mañá en Oleiros o espectáculo “NÓ” en coprodución coa Xunta


— O Auditorio Gabriel García Márquez acolle ás 12,30 e ás 20,30 h. as primeiras funcións desta montaxe de danza urbana, baixo a ollada da creación contemporánea

— Complétanse as estreas das pezas coproducidas ao abeiro das últimas convocatorias do Centro Coreográfico Galego, no marco das que tamén se apoiou a Javier Martín, Colectivo Glovo, Nova Galega de Danza, Cía. Kirenia Danza e VACAburra

A compañía de danza Elahood presenta mañá venres en Oleiros (A Coruña) o seu novo espectáculo, NÓ, coproducido pola Xunta de Galicia a través do Centro Coreográfico Galego. Coas funcións que terán lugar ás 12,30 e ás 20.30 h. no Auditorio Gabriel García Márquez de Mera, complétase ademais o calendario de estreas das seis pezas apoiadas a través das últimas dúas convocatorias de coprodución de danza, ás que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade destinou máis de 100.000 euros.

Ademais de NÓ, os outros títulos coproducidos foron Figuras do limiar, de Javier Martín; Tabú, de Colectivo Glovo; Credo, de Nova Galega de Danza; Tres tristes tigres 2.0, da Cía Kirenia Danza, e Festina Lente, de Vacaburra, que comezaron o seu percorrido durante a última metade do ano 2021.

Tras recibir o primeiro premio no Certamen Coreográfico de Madrid e o galardón ao mellor espectáculo na Plataforma Diálogos Contemporáneos do Festival DZM de Cáceres coa peza de rúa Intempestiva, Elahood estrea agora unha nova proposta de danzas urbanas, baixo a ollada da creación contemporánea.

NÓ propón unha viaxe onírica, estirando e deformando o significado do que é importante. Seguindo o estilo de danza precisa, limpa e extremadamente coordinada, característico da compañía, este espectáculo aposta tamén pola presenza do texto e a voz.

A peza está interpretada por Sabela Domínguez e Julia Laport, que tamén asinan a dirección xunto a Kenrick Sandy e a coreografía con Aina Lanas. A dramaturxia é de Elahood con Gena Baamonse; o espazo sonoro, de LLXNTO e Bruno Baw; o deseño da iluminación, de Afonso Castro; a escenografía e atrezzo, de Anahí Taraburelli, e o audiovisual, de Iria Casal. Encárganse da produción Sabela Ramos e a propia compañía, que conta, ademais, con Manu Lago como acompañamento na xestión.